A Etapa Contemporánea II
Grupo Nós: Ramón Otero Pedrayo
Introdución

O primeiro tercio do século XX é unha etapa caracterizada polas profundas transformacións sociais de base que se producen no noso país, traendo isto consigo a ruptura real coas estruturas herdadas do Antigo Réxime que, dalgún xeito, perviviran na Galiza ao longo do século XIX.

Don Ramón Otero Pedrayo nunha intervención radiofónica.

Durante este tempo van ter lugar as primeiras mobilizacións e folgas do proletariado galego, con reivindicacións semellantes ás que se facían no resto do Estado: mellora do salario e condicións de traballo máis dignas (descanso dominical, retiro obreiro, vacacións pagadas e, sobre todo, a consecución da xornada laboral de oito horas).

Por último, cómpre subliñar as relacións que o sindicalismo mantivo co movemento agrarista, ben pola común acción anticaciquil, ben polo intento de incidir ideoloxicamente nos sectores labregos máis sensibilizados. Fronte a isto, as relación entre sindicalismo e galeguismo foron mínimas, cunha certa aproximación a raíz da participación conxunta nas eleccións como Frente Popular.

A Igrexa sufrira no século XIX a perda da maior parte dos seus ingresos ao ficar sen as rendas que lles viñan das terras. A partir dese momento o clero secular vai depender do soldo anual que lle dá o Estado (fixado polo Concordato de 1851), véndose o seu poder económico fortemente mermado. Clero e fidalguía funcionaran, ata o século XIX, case como unha única clase dados os seus intereses comúns, mais cando a Igrexa perda os seus rendementos, deixará de ter interese para a nobreza. Ao non haber empregos e beneficios eclesiásticos desaparece unha das saídas para os fillos segundóns e, como por arte de maxia, esváense as vocacións entre os fidalgos. Consecuencia directa do anterior é que o clero vai ter unha composición progresivamente máis popular.

A xerarquía eclesiástica galega mantivo durante todo o XIX unha actitude belixerante contra toda idea que eles consideraran contraria ao dogma ou aos seus propios intereses, chegando a actuar a súa censura contra escritoras e escritores da época ( Rosalía , Curros , Vicetto, etc.). Nesta liña, programou unha intensa acción de mentalización ideolóxica levada a cabo a través do confesonario, o púlpito, as catequeses, as misións populares ou o asociacionismo laico. Pódese afirmar que "integrismo e conservadurismo moderado son os ingredientes que ofrecía a Igrexa á sociedade galega nos finais do XIX e primeiro terzo de XX" ( F. Carballo , A Igrexa galega ,1995).

En xeral o clero nestes anos foi ideoloxicamente reaccionario e vinculado aos partidos máis conservadores. A Igrexa ignorou o galeguismo, a pesar do catolicismo militante de moitos dos seus membros. Con todo, houbo un sector progresista, normalmente vencellado ao labor intelectual, que foi consciente de que os cambios sociais e políticos exixían da Igrexa un maior diálogo e identificación coa sociedade galega. Foron os sacerdotes que, como P. Pedret, X. Carro, R. Mª Aller, X. Couselo, etc., colaboraron en revistas como Logos ou Nós ,ou que se integraron no traballo do Instituto Padre Sarmiento ou do Seminario de Estudos Galegos .

IMAXES