O 15 de novembro de 1944, constitúese, en Montevideo do Consello de Galiza baixo a presidencia de Castelao e con presencia, entre outros, de Suárez Picallo. Esta entidade política estaba formada polos catro deputados galegos elixidos democraticamente e residentes en Sudamérica; ademais contaba coa adhesión expresa de Portela Valladares e tácita —por medo a represalias laborais— de Emilio González López. Trátase dunha institución simbólica, representativa da derradeira vontade popular, algo semellante a un goberno galego no exilio. As tres grandes apostas políticas do Consello foron o Estatuto do 36, o federalismo e a autodeterminación. Emporiso as relacións do Consello co galeguismo do interior foron sempre suspicaces, por moito que os da diáspora procuraban integrar as contribucións chegadas da Terra, conscientes de que alí estaría o protagonismo futuro. Na Galiza consideraban o Consello algo circunstancial, unha organización da emigración; inclusive é tilado de anacrónico por defender a legalidade republicana; ao tempo, pensan que Galeuzca non representa os pobos, senón grupos de opinión. O galeguismo interior consegue que Castelao sexa nomeado ministro do Goberno Giral; o plano era darlle a Castelao majar autoridade por estar vencellado coas forzas democráticas do interior, pero Ramón Piñeiro axiña o acusa de giralista, de deixar de ser un ministro das forzas do interior para selo de Giral. Os desencontros Castelao-Ramón Piñeiro neste período son moitos, mais o de Rianxo quería que Piñeiro o representase no Consello de Ministros en París ata a súa chegada, para logo tratar de estabelecer conexións co galeguismo interior e actuar conxuntamente desde o prestixio do ministerio republicano. O certo é que Piñeiro non espera o rianxeiro e regresa a Madrid, onde é detido, dando lugar á desarticulación de boa parte do galeguismo organizado na clandestinidade. Despois destes acontecementos Castelao considera frustrada a súa viaxe a París e, como ministro da República no exilio, pasa a considerarse representante de todos os galegos. Para intentar solucionar as posturas enfrontadas co interior envía a Rodolfo Prada, a quen a dirección do PG informa detalladamente, pero as posicións seguiron enfrontadas. Os do interior acúsanos de inmobilistas, de pretender dirixir o galeguismo universal e de seren incapaces de transformarse de "forza ideolóxica en forza política"; mentres que os exiliados denuncian a ocultación da historia recente do galeguismo á xuventude, a desconexión co pasado, as actitudes claudicantes, o non recoñecemento do Consello ou renegar da faceta política de Castelao e do exilio. Tras o fracaso do Goberno Giral, Castelao regresa en xullo do 47 a Buenos Aires decepcionado pola posición dos gobernos democráticos occidentais, pola fragmentación do exilio español e pola incomprensión dos galeguistas do interior. A morte de Castelao en 1950 conmove o mundo galeguista e anquilosa o dinamismo da diáspora; hai un antes e un despois desta data. Entrase nun período de inercia, reláxase o activismo cultural e o galeguismo do desterro colle un roteiro cerimonial con pouca iniciativa e vitalidade.