Bibliófilos Gallegos (*). Editorial

1949, Revista, Santiago de Compostela

A Editorial de los Bibliófilos Gallegos nace en Santiago de Compostela en 1949 co obxectivo de paliar, dalgunha maneira, a case nula actividade editorial daqueles días no que respecta ao libro galego. En 1949 saíron do prelo os tres primeiros títulos en cadansúa colección: Camiños no tempo de Ramón Cabanillas, El Pórtico de la Gloria de Ángel del Castillo e unha coidada edición facsímile da Descripción del Reyno de Galizia do Licenciado Molina. Seguirían logo outros importantes como a novela A xente da Barreira de Ricardo Carvalho Calero, o Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores de Antonio Couceiro Freijomil, o Cancioeiro da Poesía Céltiga de Julius Pokorny, en versión galega de Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, e a reedición facsimilar da Relación de Exequias de la Reyna Doña Margarita de Austria, ademais de varias entregas das monografías de arte Obradoiro.

Moi próxima ao Instituto Padre Sarmiento e ao Seminario de Estudos Galegos, os seus principais fundadores foron Francisco Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde, presidente e secretario respectivamente da nova empresa. Felipe Cordero Carrete, outro dos promotores, desempeñaría o posto de xerente e Marcelino Blanco de la Peña sería o vicepresidente. Participaron neste proxecto tamén Ramón Cabanillas, Gaspar Massó García, Antonio Rey Soto, Valentín Paz Andrade, Ramón Baltar Domínguez ou Francisco Fernández del Riego, entre outros. No ano 1994, a editorial extínguese.