Campo, Marica

Campo Domínguez, María Pilar Trinidad
Val do Mao- O Incio, 1948
Campo, Marica

María Pilar Trinidad Campo Domínguez (máis coñecida como, Marica Campo) naceu o 24 de febreiro de 1948 no Val do Mao (lugar de O Incio). Alí pasou os seus primeiros anos, tras os cales transladouse a Lugo, onde residía durante o curso escolar para retornar, nos veráns, ao seu añorado Val do Mao, aquel "espacio para a liberdade e as aventuras infantís" -segundo palabras da propia autora-. Quinta filla dunha familia de sete irmás e un irmán, foi educada en castelán, mais a convivencia ambiental co galego, xunto co "galeguismo" paterno e unha biblioteca familiar ben surtida e heteroxénea, resultaron cruciais para esta autora, á hora de escribir e de o facer -comprometidamente- no idioma xenuíno do País. Aos quince anos expresa o anseio de converterse en misioneira e ingresa nunha orde relixiosa, onde permanece durante cinco anos e uns meses. Logo, acode á Universidae Pontificia de Salamanca, onde realizou estudos de Teoloxía. Obtén o título de diplomada en Maxisterio e inicia estudos en Filosofía e Letras. Exerceu a súa profesión en diversos lugares: —Muimenta (Cospeito), Castro de Rei, Canarias, ... ; na Mariña de Lugo (a súa estadía profesional máis longa) e, por último, no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Actualmente está xubilada.

Lectora voraz e de vocación literaria temperá (xa escribía desde nena), durante anos compuxo poemas, absténdose de publicar, agás algún solto nalgunha revista ou recitado en acto colectivo. Tamén participou en certos concursos de poesía, prosa e teatro, con bastante fortuna, mais non se decidía a publicar ningún libro, até que por mor da insistencia e axuda de colegas de profesión e da escritora Pilar Pallarés, elaborou unha escolma que, en 1992 deu lugar ao poemario Tras as portas do rostro (Ed. Baía Edicións, 1992), título ao que seguiron Pedinche luz prestada (Espiral Maior, 2001) e Sextinario: trinta e seis + tres (Sotelo Blanco, 2007).

En 1996 publica, en narrativa, Confusión e morte de María Balteira (Baía Edicións, 1996); máis tarde, dará a luz unha novela curta -ou relato longo- de claro compromiso co devir histórico das mulleres e que leva por título, Memoria para Xoana (Espiral Maior, 2002). Trátase do monólogo dunha violinista que fala cunha súa filla -concebida, mais aínda non nata- para lle relatar o pasado familiar e, ao tempo, anunciarlle o futuro que soña para ela. No ano 2010 a autora publica Onde houbo lume (Biblos Clube de Lectura, 2010). Dentro do espacio literario infanto-xuvenil, é autora de Crispín do Mao, Crispín do mar; ¡Adeus pés!; O enigma do menhir e Catro pallasos (Xunta de Galicia, 2003);  do poemario Abracadabras (Ed. do Castro, 2006) e dos libros de contos E Xoel aprendeu a voar (Obradoiro, 2009) e Noutra dimensión (Galaxia, 2011). No xénero da dramaturxia ten publicado a peza teatral, alegoría dunha dictadura, O Premexentes non pode cos paxaros rebezos ou Memorias dun Escribano (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1984), ademais de Confusión de María Balteira (2006) e O Divino Sainete, adaptación teatral da obra homónima de Curros Enríquez.

Marica Campo ten colaborado en múltiples iniciativas docentes e socioculturais; foi pregoeira en festas e participado en mesas redondas; conferencias e diversos actos de carácter colectivo, por mor dun compromiso co país e, particularmente, coa dignificación e difusión da lingua e literatura galegas. Ademais é autora de letras para grupos musicais galegos como Fuxan os Ventos, así como do libreto A Casa, escrito para o musical operístico do mesmo nome.

VIDEOS
Rosalia

AUDIOS
Poisque todo o que arde devén cinsa

Cinsa namorada - Tino Baz - Cinsa namorada

Tino Baz