Caneiro Pérez, Xosé Carlos

Caneiro Pérez, Xosé Carlos
Verín, 1963
Caneiro Pérez, Xosé Carlos

Xosé Carlos Caneiro Pérez naceu Verín, o 17 de xuño de 1963. Licenciado en Xeografía e Historia; diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica (Especialista en lingua galega, lingua francesa, lingua castelá, ciencias sociais). Coordinador do Centro Público de Educación Permanente de Adultos RADIO ECCA e asesor do Centro de Formación do Profesorado de Ourense, en Verín; profesor do curso Didáctica da ficción e Creación Literaria na Universidade de Vigo. Colaborador habitual de numerosas publicacións desde 1981 en La Voz de Galicia, Tempos Novos, El País, Diario 16, Península, Faro de Vigo ou El Mundo; dirixíu e presentou o programa da TVG Oficio de Palabras. É colaborador diario da "Crónica" da Radio Galega.

Comezou a publicar libros, concretamente poesía, no ano 1984, no poemario autoeditado, O esculpido sorriso dos teus beizos ao que seguiron outros títulos como Da túa ausencia (Edición de autor, 1991); Estación Sur (Concello de Ourense, 1994); A valga do triste amor (Espiral Maior, 1997); Aínda soñas con piratas? (Espiral Maior,1999); De bar en bar (os poemas prohibidos) (2006); Camiños de amor e lúa (Biblos Clube de Lecturas, 2009) ou Despois de ti, a chuvia (Galaxia, 2011, con poemas recitados da súa voz e acompañado polo cantautor Emilio Rúa). A súa obra narrativa abrangue unha abondosa obra. Así, desde Historias no fío de Monterrei (Concello de Verín, 1988) até o máis actual, como A máscara de Ulises (Galaxia, 2013), foi quen de publicar títulos como O infortunio da soidade (Xerais, 1992); Un xogo de apócrifos (Xerais, 1997); Estado permanente de fracaso (Vía Láctea, 1997); Os séculos da lúa (Espiral Maior, 1999); A rosa de Borges (Sotelo Blanco, 2000) ou, entre moitas outras, a súa novela Ébora (Xerais, 2000), galardoada co Premio Blanco Amor en setembro de 2000 e o XIX Premio Eixo-Atlántico do mesmo ano. Traducida a varias linguas, esta novela abre, a xuízo da crítica, un novo horizonte para a literatura galega, ao tempo de reseñar a súa semellanza coa escrita do chileno Roberto Bolaño.

No ámbito do ensaio, Caneiro é autor de O buscador da nada (Asociación Cultural de Monterrei, 1991); Os dominios de Caín (Galaxia, 2006) ou De bar en bar (para abrazarte escribo) (Difusora, 2006). Así mesmo, é autor da obra infanto-xuvenil O raposo Colabranca (Galaxia, 2011) e ten publicado en diversas obras colectivas, ao tempo de ser un autor multipremiado pola súa obra.

Xosé Carlos Caneiro ten impartido numerosos cursos de lingua e literatura, conferencias, relatorios en encontros e congresos e, tamén, múltiples recitais de poesía, acompañado por diversos grupos musicais.

 
Obras
Paraíso (2022)
Ámote (2003)
Ébora (2000)